Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O percorrido deste roteiro desenvólvese entre o paraíso formado pola ría de Foz-Masma, lugar crave de biodiversidade a nivel europeo (Rede Natura 2000), e a paisaxe rural propia deste recuncho de Galicia, case sempre salpicada de pequenas construcións con identidade propia froito da herdanza colectiva dos nosos antepasados.
Na súa confluencia co mar Cantábrico, a ría conforma un fértil espazo natural cun potente atractivo para numerosas especies de aves que a utilizan como área de descanso durante as súas migracións ou como refuxio en época invernal, o que a converte nun dos mellores lugares da Mariña Lucense para a práctica do birdwatching.
Ao longo do percorrido poderemos achegarnos en varias ocasións á beira deste esteiro e apreciar, ademais, a existencia de numerosas especies de flora e fauna. A nivel xeral, dentro do espazo natural catalogado como ZEC (Zona de Especial Conservación), é de destacar a presenza de ceba, acelga salgada, salmón, lamprea ou mexillón de río, entre outros.
A medio camiño atoparemos a pequena lagoa de Pallares, antiga canteira, hoxe en día naturalizada, que lle dá nome a este roteiro.
O patrimonio cultural, encadrado maioritariamente na segunda metade do trazado, reflicte a interacción dos seus habitantes co medio, os seus costumes, valores e, mesmo, a súa creatividade. Entre este importante legado atópanse casas, hórreos, lavadoiros, igrexas, pombais ou cruceiros, entre outros.
Información de interese:
Tempo: 1,5 - 2 horas.
Distancia (circular): 5,5 Km
Desvíos a puntos de interese: 300m. (ida e volta)
Dificultade técnica: Moderada.
Terreo: 70% de asfalto en tramos compartidos con vehículos e 30% por carreiros de terra.
Enlaces:
Wikiloc (perfil “ConcellodeBarreiros”) https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=1587442
Google Maps https://www.google.com/maps/d/edit?mid=1W-pwdGgIhWLZlJ-1Jj7E0kXkg7R-1fhL&usp=sharing
Marcas de sinalización: