Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A festa das Candeas, na honra á Virxe da Candelaria, celébrase na parroquia de San Pedro de Benquerencia, a primeira fin de semana do mes de febreiro, por ser a máis próxima ó día da Candelaria, o 2 dese mes.
Adoita celebrarse misa solemne coa súa correspondente procesión, seguida de sesión vermú; e pola noite, verbena, que finaliza co xa tradicional "Baile do candil".
A festa celébrase no Centro de Instrucción e Recreo de Benquerencia.
En Barreiros celébrase o domingo de Entroido cun festival no Centro Socio-Cultural de San Cosme.
Adoita haber música en directo, baile e desfile de disfraces, xogos e obradoiros para rapazas e rapaces, así como agasallos para todos os asistentes.
Non falta a participación dos cabezudos.
A feira de San Rosendo celébrase na parroquia de San Miguel de Reinante o primeiro domingo do mes de marzo. A súa celebración recuperouse no ano 1997. Esta cita non fixo senón consolidarse e xa son centos as mariñás e os mariñáns que se acercan a Barreiros, ano tras ano, para gozar dela e facer as súas compras.
Os principais atractivos desta feira son o concurso de gando, no que destaca especialmente a participación de numerosos grupos ecuestres; o mercado, no que se dan cita distintos expositores de artesanía e produtos da terra, algúns procedentes doutras provincias, e a degustación do polbo á feira, que non faltou en ningunha das edicións desde a recuperación da cita. Todo isto aderezado con música tradicional.
Con motivo da feira, durante o venres e o sábado celébrase unha festa, con misa, sesión vermú e verbenas.
A festa na honra a San Isidro adoita celebrarse en San Miguel de Reinante o 15 de maio, con misa solemne, sesión vermú e verbena.
O barrio de Vilamar, que pertence á parroquia de San Xusto de Cabarcos, celebra a festa na honra a San Xulián a fin de semana máis próxima ó 20 de maio.
O venres adoita haber “pulpada”, churrascada e verbena, mentres que o sábado teñen lugar os oficios relixiosos, así como unha sesión vermú e, de novo, verbena.
Na parroquia de San Miguel de Reinante, a última fin de semana do mes de maio celébrase a Romaría de Santo Estevo da Pagá, na área recreativa do mesmo nome, situada no barrio da Barranca.
Adoita haber misa solemne e procesión, seguidas dunha gran sardiñada e churrascada popular, sesión vermú e verbena. Son moitas as familias e grupos de amigos que se xuntan para a comida campestre e para acampar.
A terceira fin de semana de xuño, o espazo natural e arqueolóxico de Santo Estevo do Ermo, na parroquia de San Cosme, acolle o Festival Histórico Augas Santas. Unha cita que se comezou a celebrar no ano 2012, e que pouco a pouco se vai consolidando, contando cada vez con máis xente tanto de Barreiros como da comarca, que se caracteriza da época e se implica nas distintas actividades.
Entre esas actividades atópanse rutas a pé e rutas ecuestres, xantar e cea campestres, xogos tradicionais tanto para nenos como para adultos, casamentos polo rito celta. Destaca especialmente a escenificación da entrega do documento do rei Silo ós monxes.
A contorna de Santo Estevo, durante a xornada de festa, dispón dun mercado tradicional de produtos artesanais, zona de acampada, mentres os asistentes gozan da actuación de grupos de música e danza tradicional ó longo de todo o día.
A parroquia de San Pedro de Benquerencia celebra a festa do seu patrón a fin de semana máis próxima ó 29 de xuño, o día de San Pedro, propiamente dito.
Adoita haber misa solemne, procesión, sesión vermú e verbenas.
O primeiro sábado do mes de xullo celébrase a Romaría de Santo Estevo do Ermo na área natural e arqueolóxica do mesmo nome, na parroquia de San Cosme.
A xornada adoita comezar cunha ruta a pé ata a capela de Santo Estevo. Celébranse despois unha misa e unha procesión, seguidas dunha degustación de empanada de sardiñas e unha sesión vermú. Xa pola tarde adoitan organizarse xogos populares para todos, para logo rematar a xornada festiva cunha verbena.
A parroquia de San Miguel de Reinante celebra unha romaría na honra á Virxe do Carme, coincidindo sempre coa terceira fin de semana do mes de xullo.
Adoita celebrarse unha gran sardiñada e churrascada popular, e son moitas as familias e os grupos de amigos que se xuntan na comida campestre e na acampada. Tamén hai sesión vermú e verbena.
Todos os actos teñen lugar nas inmediacións da praia de Arealonga.
A parroquia de Celeiro de Mariñaos celebra, os días 24 e 25 de xullo, as festas na honra á súa patroa, Santa Cristina.
Adoita haber misa e procesión, seguida de sesión vermú, e, pola noite, verbenas.
O Concurso Internacional de Castelos na Area é unha cita obrigada no calendario estival de Barreiros.
Celébrase sempre o 25 de xullo dende hai máis de un cuarto de século, na praia de Arealonga, en Santiago de Reinante, coincidindo coa festa do seu patrón.
O horario no que desenvolve o certame está condicionado pola baixamar, polo que varía duns anos para outros.
No certame establécense categorías tales como nenas e nenos, veteranas e veteranos, persoas con capacidades diferentes, e colectivos, entre outras.
Neste sentido, destaca a labor de integración do propio concurso, xa que dá cabida a todo tipo de públicos. Adoitan participar arredor dunhas 400 persoas.
O barrio da Insua, pertencente á parroquia de San Xulián de Cabarcos, celebra, o 26 de xullo, a romaría de Santa Ana.
Adoita haber misa solemne na Capela de Santa Ana, procesión, así como sesión vermú e verbena.
En Cabarcos celébrase a festa na honra a San Xulián, patrón da parroquia.
Adoita celebrarse a finais do mes de xullo con dous días de festa, nos que hai misa solemne, procesión, sesión vermú e verbenas.
O Festival Folclórico Internacional do Emigrante vénse celebrando desde 1980 o primeiro sábado de agosto na parroquia de San Miguel de Reinante.
Un evento cultural organizado pola Asociación Folclórica O Arco da Vella, da mesma parroquia, no que se dá cabida, ano tras ano, a grupos de danza e música tradicional de Galicia, de España e de disintos puntos doutros países e continentes.
En 2007, este festival alcanzou a distinción de Festa de Interese Turístico Galego, polo que se recoñece a súa singularidade, así como o arraigamento e valor cultural que adquiriu en máis dun cuarto de século de vida.
Desde hai cinco anos, a mesma asociación organiza, para a xornada do venres, como aperitivo do que será o festival do sábado, a Foliada do Emigrante, que se celebra na Praza do Souto, en San Miguel, e na que se reúnen gaiteiros e pandereteiras da zona e distintos grupos de música tradicional para amenizar unha noite na que hai pinchos e queimada.
A festa na honra a San Xusto e Pastor celébrase os días 6 e 7 de agosto na parroquia do mesmo nome, San Xusto de Cabarcos.
Adoita haber misa solemne, procesión, así como as correspondentes sesión vermú e verbenas.
A "Festa da Tortilla" é un certame totalmente consolidado no concello de Barreiros, que no ano 2015 alcanzou a súa XX edición. Trátase dun concurso gastronómico que se organiza ó abeiro da Romaría de San Caetano, que se celebra no espazo natural que recibe o mesmo nome, situado na parroquia de Celeiro de Mariñaos.
No concurso valóranse aspectos como o sabor, a presentación ou a innovación, entre outros. Ademais, no 2015 introduciuse como novidade un concurso máster que premia o concursante que elabore a tortilla en menos tempo.
A festa, organizada pola Irmandade de San Caetano, adoita celebrarse a mediados do mes de agosto e prolóngase durante venres e sábado. O venres comeza á noitiña e adoita haber chourizada, torresmada e acompañamento de música tradicional.
Durante a mañá do sábado dispútase o concurso da tortilla e pola tarde organízanse xogos tradicionais. A xornada remata con verbena e co xa típico "baile do farolillo".
O 16 de agosto, celébrase na parroquia de San Cosme a festa na honra a San Roque.
Adoita haber misa solemne, procesión, así como sesión vermú e verbena. Estes festexos teñen lugar na Praza do Concello.
As festas na honra a San Bartolo, tamén coñecidas como as festas do veraneante, celébranse o 24 de agosto e prolónganse durante os días previos e posteriores, na área de San Bartolo, na parroquia de San Cosme de Barreiros.
O día grande, ademais da misa, celébrase unha procesión desde a capela e ata a praia, así como unha ofrenda floral en recordo das persoas falecidas na costa, da man do corpo de socorristas e membros de Protección Civil de Barreiros.
A terceira fin de semana de setembro celébrase o Festival ao Son do Masma, que organiza o Colectivo Ollomao. Este organizase nun terreo á beira do río Masma, na parroquia de Celeiro de Mariñaos.
Durante a mañá adoita haber un roteiro ao son do masma, para pór en valor este recurso natural de Barreiros. Ademais, son habituais as comidas campestres entre familias e grupos de amigos; algúns deles acampan ata o día seguinte.
Durante a tarde os asistentes poden gozar de xogos tradicionais e obradoiros de artesanía dirixidos a todos os públicos, mentres que a noite está amenizada por grupos de música tradicional.
Así mesmo, durante toda a xornada do festival está montada unha feira de artesanía e produtos da terra.
As festas na honra a San Cosme celébranse habitualmente a fin de semana máis próxima ó 26 de setembro, na parroquia do mesmo nome, San Cosme de Barreiros.
Adoita haber misa solemne, procesión, así como as correspondentes sesión vermú e verbenas.
Os xigantes e cabezudos son unha tradición popular celebrada en moitas festas locais de Europa Occidental e América Latina. A tradición consiste en facer desfilar certas figuras bailando e animando, os xigantes, ou perseguindo a xente que acude á celebración, os cabezudos.
Os xigantes son figuras de varios metros de altura portados por unha persoa. O portador fai xirar e bailar ó xigante ó son da música. Xeralmente, os xigantes desfilan en parellas, que representan un home e unha muller xigantes. O máis habitual é que as figuras representen arquetipos populares ou figuras históricas de relevancia local.
As figuras adoitan estar realizadas en cartón-pedra ou fibra de vidro, cunha armazón de madeira, ferro ou aluminio, que se recobre con roupas amplas. Os xigantes teñen unha altura desproporcionada, o que crea un efecto de nobreza, mentres que nos cabezudos, de menor altura, destaca a proporción da cabeza, que lles dá un efecto cómico.