Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
As familias interesadas en beneficiarse desta campaña poden formalizar a súa solicitude coa educadora familiar do departamento municipal de Servizos Sociais, os venres de 9 a 11 horas, ata o 18 de decembro
O Concello vén de emitir un anuncio da Alcaldía no que informa á veciñanza de que o Departamento de Servizos Sociais, dende a Rede de Voluntariado Local e en colaboración coa Asociación Vea, ten actualmente en marcha unha campaña de recollida de comida non perecedoira e produtos de primeira necesidade para o Banco de Alimentos. “A finalidade desta iniciativa é cubrir necesidades básicas como a alimentación en aqueles fogares do municipio que o precisen”, explica o alcalde, Alfonso Fuente.
Recollerase comida non perecedoira a curto prazo, enseres básicos, como xeles, champús ou materiais para a limpeza, así como produtos de Nadal, nos seguintes puntos: CEIP San Miguel de Reinante, CEIP San Cosme de Barreiros, no Roupeiro Municipal sito no Teleclube de San Cosme, -os venres entre as 17:30 horas e as 18:30 horas-, e nos supermercados Eroski e Gadis de San Cosme.
Ademais, con motivo das festas de Nadal, ponse en marcha de novo a campaña “Un neno, un xoguete”, que busca recoller material escolar novo, contos infantís e xoguetes usados –en bo estado e que non sexan de temática bélica- para as familias máis necesitadas do municipio. O material poderá entregarse no Roupeiro Municipal, sito no Teleclub San Cosme, os venres entre as 17:30 horas e as 18:30 horas, ata o 18 de decembro.
Fuente Parga subliña que “aquelas familias que estean interesadas en beneficiarse desta campaña poden pasar polo Departamento de Servizos Sociais do Concello e dirixirse á educadora familiar os venres de 9 a 11 horas, para formalizar a súa solicitude”. O prazo está aberto ata o 18 de decembro.