Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Música e tradición labrega foron os eixos condutores da viaxe programada como actividade de fin de curso.
O programa ActivaMente que desenvolve o Concello de Barreiros para persoas maiores de 65 anos realizou a súa viaxe anual na que visitaron Lugo e Láncara.
O alumnado, que viaxou acompañado da alcaldesa, Ana Ermida; o deputado e concelleiro barreirense, Dani Garcia; e outros membros do goberno municipal, coñeceu o Centro de Artesania e Deseño de Lugo e o Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (MUVICLA).
Esta viaxe realízase como unha actividade máis da programación do curso que finaliza proximamente, paralelamente ao curso escolar, e constitúe unha actividade lúdica e educativa moi ben valorada polas persoas que toman parte da mesma.
A alcaldesa, Ana Ermida, tamén valorou “moi positivamente esta xornada de aprendizaxe e convivencia, na que se aproveita para coñecer ou lembrar aspectos da cultura e a idiosincrasia galegas e poñer en valor aspectos moitas veces descoñecidos ou minusvalorados das nosas tradicións culturais e sociais.”
Desde o Concello de Barreiros organizaron a viaxe en colaboración coa área de Rural da Deputación para ofrecer experiencias vinculadas ao territorio, á cultura e ás tradicións, especialmente agrarias.
Neste sentido, agradeceron a acollida dada tanto no Centrad como no Muvicla, nos que descubriron aspectos ou historias descoñecidas vinculadas a actividades ou elementos que están ou estiveron presentes nas vidas de moitas das persoas que participaron da actividade.
Montse Porteiro, concelleira de Educación, Igualdade e Saúde Pública, sinalou que “estas actividades, ao igual que os traballos que se desenvolven durante o curso, favorecen o autocoñecemento e a autoestima como pobo, ao tempo que potencian as habilidades e a sociabilización das persoas participantes.”
O curso, que finalizará a finais de xuño, está impartido pola educadora social do Concello, Vanesa Fernández, e promove a autosuficiencia e o mantemento da actividade intelectual das persoas maiores; centrándose en aspectos de posta en valor da cultura e as tradicións galegas.