Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O Concello de Barreiros continúa cos traballos de mellora de infraestruturas viarias nas diferentes parroquias.
No día de hoxe iniciouse a obra de aglomerado do viario que une a estrada da Deputación Provincial 0609 coa igrexa, na parroquia de San Xusto, e que discorre ao longo do barrio de Novás. É un camiño de 500 m. de lonxitude e cuns anchos variables de 4 a 6m cuxo firme estaba formado por rego asfáltico, que estaba deteriorado e que presentaba un mal estado de conservación debido á súa antigüidade.
Esta vía municipal soporta un elevado tráfico, especialmente de maquinaria agrícola, pois dá acceso a 20 parcelas agrícolas; razón pola que desde o concello se tomou a decisión de actuar nel substituíndo o rego asfáltico por unha capa de mestura asfáltica en quente tipo AC16 SURF 50/70 de 5cm de espesor e regularizando previamente o firme.
Para esta obra o concello destinou 32.690€ procedentes da liña de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Esta é unha das obras de reparación de camiños que dan servizo a vivendas e fincas agrícolas planificadas desde o Concello de Barreiros nas distintas parroquias. En concreto, na parroquia de San Xusto executáronse neste ano un importante número delas, mellorando as zonas agrícolas e as condicións de vida en xeral.