Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O barrio da Rilleira, pertencente á parroquia de San Xulián de Cabarcos, celebra no Outono a Festa da Castaña, unha boa oportunidade para xuntarse a veciñanza ao mesmo tempo que se pon en valor un produto autóctono como é a castaña.
A mediados do mes de maio os locais hostaleiros de Barreiros acollen a Festa do Bígaro, ofrecendo tapas e racións deste produto. Unha iniciativa promovida, en parte, pola agrupación de mariscadoras e mariscadores de Barreiros, coa intención de poñer en valor este produto. A cita celébrase paralelamente no veciño Concello de Foz.
A "Festa da Tortilla" é un certame totalmente consolidado no concello de Barreiros, que no ano 2015 alcanzou a súa XX edición. Trátase dun concurso gastronómico que se organiza ó abeiro da Romaría de San Caetano, que se celebra no espazo natural que recibe o mesmo nome, situado na parroquia de Celeiro de Mariñaos.
No concurso valóranse aspectos como o sabor, a presentación ou a innovación, entre outros. Ademais, no 2015 introduciuse como novidade un concurso máster que premia o concursante que elabore a tortilla en menos tempo.
A festa, organizada pola Irmandade de San Caetano, adoita celebrarse a mediados do mes de agosto e prolóngase durante venres e sábado. O venres comeza á noitiña e adoita haber chourizada, torresmada e acompañamento de música tradicional. Durante a mañá do sábado dispútase o concurso da tortilla e pola tarde organízanse xogos tradicionais. A xornada remata con verbena e co xa típico "baile do farolillo".